Unha das rutas máis coñecidas e significativas do Courel onde desfrutaremos da paisaxe espectacular que este espazo natural nos ofrece.

Partimos dende Seoane do Courel seguindo as indicacións da “Ruta 4” e dirección á Aldea do Mazo, hoxe en día un complexo de turismo rural e que conserva o topónimo facendo referenza ao elemento hidráulico para forxar o ferro.

Pronto atoparemos as Cabanas de Carballois, un conxunto etnográfico formado por construcións que foron empregadas para secar a herba, gardar o gando ou coma sequeiros.

Seguimos remontando o val do Río Pequeno que permanecerá neste treito á nosa esquerda ate un desvío que nos levará ao Pozo da Grada, unha fermosa fervenza que forma o río e que, dependendo da época do ano, pode levar auga abondo.

Un pouco máis arriba chegamos a Paderne, unha aldea típica do Courel, aínda que con algunha construción máis “moderna” que afea un chisquiño o conxunto.

Seguiremos o roteiro pola parte baixa da aldea e á esquerda para acabar cruzando unha ponte e pasar á outra beira do río. Camiñaremos agora aproximadamente un kilómetro sen subidas pero sen confiarnos, xa que despóis comezará quizáis a parte máis dura da ruta. Iso sí, veremos mentres subimos o Taro Branco (unha língua de rocha calcárea), o pico Formigueiros, o máis alto do Courel e, na súa ladeira, a Devesa da Rogueira.

Aínda subiremos un pouco máis ate Castro de Brío onde se atopan restos dunha mina de ouro romana dos séculos I e II.

Continuaremos agora (xa baixando) ate Mercurín, pasando dos soutos que nos acompañaron case todo o camiño a un aciñeiral pois agora camiñamos sobre rocha caliza e a paisaxe muda.

Antes de chegar ao final, aínda pasaremos por Ferreiría Nova onde se situou a máis grade ferreiría da comarca hoxe reconvertida en central hidroeléctrica e que non pode ser visitada.

Lonxitude do roteiro: 14 kilómetros

Circular: Sí

Dificultade: Media

Outras rutas do Courel: https://xn--recunchiosnagaliza-u0b.es/roteiro-vilamor-froxan-folgoso-do-courel-lugo/

Xantamos moi ben en Casa Ferreiro 

Quedamos a durmir e ceamos en Froxán, na Casa da Aira, moi recomendable.

Pódeche interesar: